Manifesto a prol da preservación,
difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras
Galicia, como acontece en moitos
outros territorios de Europa, ten un enorme potencial xenético no referente ás
variedades vexetais, e nomeadamente ás froiteiras.
Ao longo dos séculos as mulleres e os
homes do noso agro foron escollendo e seleccionando as castes, de cara a obter
variedades que se axeitasen tanto ás condicións ambientais da zona, como ás
necesidades de produción, almacenaxe e métodos de transformación.
Galicia aínda é un país inzado de
maciñeiras, pereiras, pexegueiros, limoeiros, castiñeiros, cerdeiras ou
ameixeiras. Pero dende hai tempo a meirande parte destas froiteiras só se
vinculan ao autoconsumo, e boa parte da súa produción podrece nos campos,
namentres nas superficies comerciais só se poden adquirir froitas de fóra.
A lexislación comunitaria,
centrada na teima da homoxeneidade do produto e no control sanitario, así como
no apoio á agricultura industrializada e á entrada masiva de froitas doutras
partes do mundo, e máis o abandono e a industrialización do agro fixeron que en
20 anos a fruticultura tradicional galega, como noutros territorios da Europa
comunitaria, practicamente desaparecese.
Perante esta preocupante situación
creáronse entidades como a Asociación Galega das Froitas Autóctonas do Eume
(AGFA), que ten o obxectivo principal de recuperar, preservar e difundir as
variedades autóctonas ou tradicionais das árbores froiteiras.
A AGFA, e máis todas as persoas e
entidades que apoian e subscriben este manifesto, consideran que é esencial
recuperar a fruticultura tradicional en Europa, e apoiar a preservación e a
comercialización das variedades propias de cada territorio. Deste xeito
facilitaríase a reactivación económica do agro, xerando rendas e emprego, o cal
incidiría na dinamización social e demográfica dos espazos rurais.
Pero ademais, os milleiros de
variedades e tipos de froitas que existen hoxe en día están en serio perigo de
desaparecer, por mor da imposición dun reducido número de variedades comerciais
e de distribución mundial. Isto é o que a propia UE chama “erosión xenética” e
supón unha perda de biodiversidade frutícola sen precedentes na historia da
humanidade.
Todas esas variedades e tipoloxías
son parte do noso patrimonio, tanto natural como cultural, e a súa perda é unha
irresponsabilidade colectiva, xa que son as que mellor se adaptan ao medio onde
se atopan e teñen unhas cualidades e unhas calidades que se cadra as variedades
comerciais non poden acadar.
Á parte da presión do propio mercado,
dos laboratorios e das grandes empresas de distribución, a lexislación
promovida pola Unión Europea e polos Estados membros está pondo moitas pexas á
fruticultura tradicional e ás variedades autóctonas, tamén chamadas “de conservación”,
no canto de apoialas.
O último, que non derradeiro,
problema neste senso vén provocado pola normativa relativa ao control e
certificación das plantas de viveiros de froiteiras. O novo plan estatal neste
ámbito incide no control da identidade das froiteiras que se comercializan, co
propósito de prohibir a comercialización daquelas variedades que non sexan
previamente controladas, identificadas e incluídas no Rexistro estatal de
variedades comerciais.
Realmente a normativa existente está
pensada para regular a creación de novas variedades comerciais, por parte dos
laboratorios dos grandes grupos multinacionais, e esquece a protección das
variedades xa existentes, logradas grazas ao traballo anónimo, durante centos
de anos, de milleiros de labregos e labregas.
Obviamente, as variedades comerciais,
coñecidas en todo o mundo, están claramente identificadas. Pero non pasa o
mesmo cos milleiros de variedades de conservación que se atopan ciscadas por
toda Europa. Cómpre ter en conta que na Horta de Conservación de Froiteiras
“Carlos Fornos”, situada en San Sadurniño e xestionada pola AGFA, hai máis de
150 variedades propias das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, moitas delas
tamén presentes noutras zonas de Galicia.
Estas variedades, se non hai ninguén
que as caracterice e rexistre, algo que leva tempo e bastante traballo técnico,
ficarán fóra do mercado de plantas de viveiro, e polo tanto non se poderán
expandir nin se poderán crear explotacións froiteiras con estas variedades
tradicionais.
As persoas e entidades asinantes
deste manifesto cremos que esta situación é moi preocupante e polo tanto fan
falta medidas que fagan virar o rumbo, de cara á recuperación da fruticultura
tradicional e á difusión da biodiversidade e do enorme patrimonio natural que
posúe o noso agro.
Por todas estas razóns instamos:
Á UNIÓN EUROPEA:
·
Para
que a Comisión Europea, con carácter de urxencia, promova a creación dunha
Comisión de traballo que analice a situación da biodiversidade vexetal agrícola
e as consecuencias da implantación da nova lexislación comunitaria a nivel
europeo, tanto dende o punto de vista económico, como cultural e ambiental
·
Para
que a nova lexislación comunitaria teña en conta nomeadamente as variedades
froiteiras de conservación ou autóctonas, de cara a que se asegure a súa
efectiva preservación e se promova a súa difusión e introdución nos mercados,
especialmente nos ámbitos locais
·
Para
que, nomeadamente, se cree a denominación de "VARIEDADES PROTEXIDAS EN
PERIGO DE EXTINCIÓN" que permita protexer e divulgar o patrimonio
frutícola, e que prohiba a súa manipulación xenética e o seu posterior rexistro
como variedade protexida (con patente)
·
Para
que promova a cooperación e a difusión de coñecementos e boas prácticas neste
eido, ao longo do territorio europeo
AO ESTADO ESPAÑOL:
·
Para
que, dentro das súas competencias, lexisle no mesmo sentido ca nos apartados
anteriores e que estableza un período transitorio suficiente que permita
adaptarse á nova normativa
·
Para
que se habiliten liñas de axudas para a adaptación dos viveiros e dos
fruticultores ás novas esixencias normativas, por mor da reconversión de campos
de plantas nais á nova situación, e polas perdas ocasionadas pola prohibición
de comercializar planta e froita de variedades que non estean no Rexistro
·
Para
que se facilite e se simplifique ao máximo os trámites esixidos para os
rexistros de variedades
·
Para
que coordinen coas Comunidades Autónomas, de forma eficiente, as actuacións no
ámbito da protección das variedades de conservación das froiteiras
Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA:
·
Para
que se lexisle en Galicia no ámbito da protección das variedades autóctonas,
variedades de conservación ou variedades de afeccionado das froiteiras, e se
cree un rexistro autonómico destas castes
·
Para
que a Xunta de Galicia, de oficio, garanta a preservación das variedades,
achegando os medios técnicos e humanos necesarios para a súa caracterización,
rexistro, preservación (en bancos de recursos fitoxenéticos) e difusión
·
Para
que se permita e se fomente a comercialización e a utilización sustentable das
variedades froiteiras autóctonas ou de conservación
·
Para
que a Xunta de Galicia deseñe e desenvolva un plan específico de apoio á
fruticultura, incluíndo accións de concienciación, formación, investigación,
innovación ou difusión dos coñecementos tradicionais, de cara a converter este
sector nun referente no agro galego
·
Para
que a Consellaría do Medio Rural habilite unha liña de axudas, como acontece
noutras comunidades autónomas, para especies vexetais en risco de erosión
xenética
San Sadurniño, 17 de agosto de 2016
Estimado Alcalde-Presidente do
Concello de San Sadurniño
A Asociación Galega das Froitas
Autóctonas do Eume (AGFA) ten o obxectivo principal de recuperar, preservar e
difundir as variedades autóctonas ou tradicionais das árbores froiteiras das
comarcas do Eume, do Ortegal e de Ferrolterra.
Cremos que temos un basto patrimonio
natural e cultural vinculado á fruticultura neste territorio que é preciso, por
unha banda, preservar, e pola outra potenciar e recuperar para que volva ser
unha actividade que xere emprego, rendas e benestar.
Ora ben, a evolución social e os
cambios normativos están complicando o desenvolvemento destes obxectivos, e
mesmo estamos ante unha complexa situación que pode pór en perigo todo ese patrimonio
existente en centos de variedades e tipoloxías de froitas.
Perante esta situación vimos de
lanzar unha campaña de apoio á fruticultura tradicional e aprobamos o texto dun
“Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades
autóctonas de froiteiras”, que queremos difundir de cara que sexa asumido por
todas aquelas entidades e persoas que acrediten nos seus obxectivos e
propostas.
Por este motivo achegámosche o texto
do manifesto e solicitámosche que o estudedes e que, se o vedes procedente,
deádeslle o voso apoio mediante a correspondente resolución.
No caso de apoiar o dito manifesto,
pregamos que nos informedes e nos enviedes unha copia da resolución de apoio.
Agardamos a voso interese sobre este
tema, e poñémonos ao voso dispor para colaborar naqueles asuntos relacionados
coa defensa e a promoción da fruticultura tradicional.
Atentamente,
Asdo.
Ramiro J. Martínez Picos
Presidente da Asociación Galega
da Froita Autóctona do Eume
No hay comentarios:
Publicar un comentario