O curso constará dun total de 24 horas de duración e, de cara a facilitar a asistencia, desenvolverase os sábados do mes de outubro entre as 9.30h e as 14.00h. A parte teórica impartirase na Casa da Xuventude tratando practicamente todo o que hai que saber para poñer a producir en condicións unha plantación de árbores froiteiras, principalmente de variedades de mazá, pera e dos froitos de óso que máis abundan na comarca.


A Asociación Galega da Froita Autóctona -con quen o Concello ten suscrito un convenio de colaboración- centra boa parte dos seus esforzos na recuperación e posta en valor das castes tradicionais coas miras postas en que xurdan iniciativas capaces de abastecer os mercados de proximidade e incluso tendas especializadas na comercialización de produtos da máxima calidade.

Ver o potencial produtivo de cada variedade é, xunto coa súa conservación, unha das funcións da Horta autóctona “Carlos Fornos”, situada na Cortiña. Neste campo será onde o alumnado do curso poderá seguir os contidos prácicos incluídos no plan formativo que se desenvolverá entre o 6 e o 27 de outubro. Ademais, unha das xornadas do curso quedará para a primavera de 2019, xa que estará centrada en técnicas  propias desa época do ano.

Para que esta proposta saia adiante será necesario xuntar un mínimo de 15 persoas. Por razóns loxísticas e de aproveitamento fixouse en 25 o tope de participantes. As prazas cubriranse por orde de inscrición, aínda que terán prioridade aquelas persoas empadroadas en San Sadurniño ou que sexan socias da AGFA.

En ambos casos o curso é gratuíto. Para quen non cumpra ningunha destas dúas condicións, a matrícula terá un prezo de 25€, que se han de pagar o primeiro día.

Para apuntarse hai que chamar ao teléfono da AGFA -José A. Bellas, 647 016 351- ou ao do Concello -981 490 027- antes das 14.00h. do día 4 de outubro.