martes, 22 de octubre de 2013

Visita a horta

Excursionistas de Ferrol e Lugo interésanse pola horta de froiteiras autóctonas
19/10/2013
Imaxen Descriptiva da Nova

Un total de 60 persoas elixiron este sábado desapacible por momentos para visitar e coñecer a horta municipal de froiteiras autóctonas. Arredor da metade delas achegáronse a San Sadurniño no marco dunha camiñada organizada pola Escola Oficial de Idiomas, mentres que o resto proviñan de Lugo. Membros da AGFA do Eume actuaron como guías e explicaron tanto as especies que se poden ver na horta como os coidados específicos que require cada unha delas.

As visitas realizáronse esta mañá de sábado en dúas quendas. Primeiro pasaron pola horta unha trintena de persoas pertencentes á Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, entre alumnado e profesorado. A actividade enmarcouse nunha ruta organizada polo departamento de normalización lingüística que veu ata San Sadurniño para interesarse pola horta e tamén para percorrer a ruta do río Aceiteiro.

Por outra banda, cara ás 11 da mañá, un grupo formado por alumnos do campus de Lugo da USC tamén fixo unha visita guiada á horta, onde poden atoparse uns 160 pés de distintas variedades de cerdeiras, ameixeiras, pexegueiros, pereiras e, sobre todo, maciñeiras.

Técnicos especialistas da AGFA do Eume -a entidade que xestiona a horta a través dun convenio suscrito co Concello- deron unha charla sobre as diferenzas existentes entre as variedades máis coñecidas e as características máis destacables dos seus froitos. Ademais tamén repasaron as técnicas máis habituais de enxertado e os coidados agronómicos que requiren as árbores para dar unha boa produción.